13


carpe diem

é a primeira vez que vexo a miña mirada nos teus ollos,
non como un reflexo, como un acto;

é o noso un ollar bífido,

sensible á máis mínima transformación
das circunstancias,
ó trascurrir do solpor
polas arterias,
á multitude crítica do peito;

é, xa que logo, a túa oportunidade
de descubrir,
arrebolada
sobre a curva incerta das pálpebras,
a ocasión perfecta pra me esquenceres,

cando xa eu conveña a despedida

e perciba cara o lonxe, mentres marcho,

a túa decisión última das bágoas

hai, canta razón tiñas,
unha inflexión
no meu falar húmido doutrora
cara unha languidez
ausente, case cómica;
hai ese gusto acedo do vinagre,
olor soamente,
un resaibo nas lecturas posteriores
ó regreso;
hai este meu corpo deitado

que che envío a todas horas, a todas partes,

por todo signo ou mensaxe deste inverno